
About
O Consello Regulador do Mexillón de Galicia pon en marcha SEBAM, unha iniciativa que ten como obxectivo visibilizar a contribución ambiental, oceanográfica, social, económica e cultural do cultivo do mexillón. Ángeles Portabales fálanos deste proxecto. Visitamos Conxemar Lab, a aula interactiva e educativa impulsada en Vigo por Conxemar para achegar o mundo do mar a nenos e nenas de entre 7 e 11 anos. Onde desova a pescada ibérica? A resposta está nun estudo do Centro Oceanográfico da Coruña. O investigador Asier García cóntanos que os neandertais se alimentaban tamén de moluscos. Interesámonos pola nova etapa do criadeiro de molusco do Vicedo. O noso biólogo de cabeceira, Javier García Galdo, responde algunhas das preguntas tópicas que nos facemos cada verán: por que chega tanto lixo ás praias? que facer cando nos pica unha faneca ou unha medusa?