Skip to content
Opens in a new window
Sons de Nós con Minguante
24 July 2026

Sons de Nós con Minguante

SONS DE NÓS RadioFusión

About
Os “Pequenos incendios” son as pequenas cousas cotiás ás que non damos demasiada importancia, pero que logo son determinantes na nosa vida.

Esta é a presentación que fan Miguel Alonso e Óscar Martínez do seu recente traballo discográfico “Pequenos incendios”, con eles compartimos hoxe en Sons de Nós unha estupenda conversa. Neste episodio o dúo achéganos Minguante, o seu proxecto de pop de autor.

Minguante xurde como un proxecto casual no 2018, como dous amigos que queren compartir a experiencia de tocar en público cun proxecto de pequeno formato, algo un pouco distinto das súas experiencias individuais na música . A cousa empeza a poñerse seria cando se dan conta que o número de concertos chega case aos 200. Minguante xa é unha realidade.

A proposta era esa, concertos sinxelos, de pequeno formato no que os dous músicos, Miguel e Óscar, tocasen todos os instrumentos no escenario e nas gravacións. Minguante, que nace con espírito pequeno e cercano e medra co esforzo e a conexión natural do entendemento entre dúas maneiras de entender a música, a de Óscar, máis achegada ao indie e a de Miguel que abandeira o pop de autor.

A autoprodución é marca da casa, os seus temas son autoproducidos, Tamén no seu caso a pandemia animou a súa creatividade e, naquel 2020, publicaron o seu primeiro EP, "Minguante", con catro cancións que foron difundindo pola rede; e, en maio de 2022 editaron o seu primeiro disco baixo o título de "A incrible historia dos homes minguantes".

Miguel Alonso e Óscar Martínez, acaban de publicar “Pequenos incendios”, ou seu segundo disco. Un traballo editado ademais con moita atención na súa edición física en formato Libro-disco, para o que contaron coas ilustracións de Daniel Barbazán.

“Pequenos incendios” inclúe oito cancións orixinais do dúo, que ademais de compoñer temas, tamén interpreta todos os instrumentos e produce o álbum. Iso si, nesta ocasión quixeron contar con algunha colaboración, a de Juan Silva - batería en “Canción de amor express” e “Furacán” - e a de Caxade que aporta o seu acordeón e fai coros en “Rapaz”.

Señoras e señores, déixense prender nestes inofensivos e deliciosos “Pequenos Incendios”.